Axudas á apicultura

O prazo de solicitude remata o 20/02/2025

Consellería do Medio Rural

Orde do 12 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, no marco da intervención sectorial apícola recollida no Plan estratéxico nacional da política agrícola común (PAC) do Reino de España 2023-2027 e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Beneficiarios e requisitos

1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 3 da orde:

a) As persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.

Será requisito para a obtención das axudas:

1. Levar realizando a actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude de axuda, fóra de quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data. Ademais, quedará exenta do requisito anterior a creación de figuras asociativas ou persoas xurídicas integradas por apicultores/as que o fosen antes do 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ou a creación de explotacións de titularidade compartida na que un dos membros fose apicultor ou apicultora con anterioridade a esa data.

No caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do/da titular con maior antigüidade.

2. Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.

3. Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

4. Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.

5. Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.

6. Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida o 31 de decembro de 2024 antes do día 1 de marzo de 2025.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.

b) As agrupacións de apicultores/as, na medida que os seus socios/as ou asociados/as beneficiarios das axudas cumpran cos requisitos establecidos na letra a) anterior.

Ademais, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

2. Só poderá solicitarse axuda para a execución dunha acción determinada sobre unha mesma colmea, unha única vez por campaña apícola, independentemente de se a persoa solicita esa axuda a título individual ou como integrante dunha cooperativa ou agrupación de produtores.

Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha agrupación de apicultores/as, ben sexa para unha ou varias accións, non poderán solicitar a axuda como integrantes doutra agrupación.

De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da agrupación de apicultores/as que a inclúa como beneficiaria naquela acción que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 10.1 desta orde de axudas.

3. Non poderá ser considerada persoa beneficiaria un/unha solicitante para quen se demostre que creou artificialmente as condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos no Real decreto 906/2022, tal e como se establece no artigo 62 (relativo a medidas antievasión) do Regulamento (UE) 2021/2116, do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2025, de 1.481.539 euros (un millón catrocentos oitenta e un mil cincocentos trinta e nove euros), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) ata un 25 % e a porcentaxe restante a Xunta de Galicia en virtude do Regulamento (CE) núm. 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, e o Real decreto 906/2022. As ditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 808523): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio

-Na Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

-DOG Nº: 12 (public. 20/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250120/AnuncioG0426-121224-0009_gl.pdf

gl_ESGL