Axencia Galega da Calidade Alimentaria
Resolución do 10 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á cooperación para promover a participación de agricultores en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR362A).
Obxecto
A resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para promover a participación de agricultores nos réximes de calidade, de acordo coa intervención 7131 «Cooperación para promover a participación en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios», do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, de conformidade coas disposicións aplicables á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) (código de procedemento MR362A).
Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento dos requisitos do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol. No caso das persoas beneficiarias por comezaren a actividade nunha nova orientación produtiva dentro da produción ecolóxica, os gastos deberán estar relacionados con esa nova orientación produtiva.
A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación. Poderase cobrar un máximo de cinco anualidades e sempre dentro dos sete anos posteriores á incorporación ao réxime de calidade.
Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 €.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2, ou que participasen por primeira vez nos cinco últimos anos. En todo caso, a data de alta debe ser anterior á data final do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.
No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do simple autoconsumo.
Quedan excluídas destas axudas as entidades que teñan a consideración de empresas en crise, segundo os criterios establecidos no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, así como as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Gastos atendibles na convocatoria de 2025
Para a convocatoria de 2025 serán atendibles os gastos imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio de 2024 ata o 30 de abril de 2025.
Importe
As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Axencia para o ano 2025, na aplicación orzamentaria 15.A2.713D.770.1, código de proxecto 2025.00003, cunha dotación de douscentos corenta mil (240.000 €). Esta partida serve para financiar a intervención 7131 «Cooperación para promover a participación en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios», do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. A intensidade máxima da axuda é do 100 % e está cofinanciada nun 60 % polo Feader.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 27 de maio de 2025.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 827258): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/827258
-Na dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
-DOG Nº: 76 (public. 22/04/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250422/AnuncioG0528-100425-0001_gl.pdf