Instituto Galego de Promoción Económica
Resolución do 16 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, innovación, sostibilidade e loxística avanzada para o ano 2025, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300H).
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva. Os obradoiros obxecto desta convocatoria concíbense como espazos de encontro intersectoriais entre empresas e provedores (para a definición de empresa observarase o establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014) que teñen como finalidade fomentar a cooperación, a exploración de solucións tecnolóxicas e o deseño de vías de colaboración que impulsen proxectos de alto impacto nos seguintes eidos: dixitalización, innovación, sostibilidade, economía circular e loxística avanzada.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas:
a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.
b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).
Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7810 e cos seguintes importes e distribución plurianual: 350.000 € con cargo ao ano 2025 e 350.000 € con cargo ao ano 2026.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 807490): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio
-No Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE): https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual -DOG Nº: 7 (public. 13/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250113/AnuncioO92-161224-0001_gl.pdf