Axudas ás entidades locais para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia

O prazo de solicitude remata o 12/09/2025

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2025, destinadas ás entidades locais (código de procedemento MT811A).

BDNS (Identif.): 809506.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia, relativas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que estean nos centros de recollida autorizados e/ou formen parte de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (procedemento MT811A), destinadas ás entidades locais.

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades locais que no seu ámbito territorial correspondente presten o servizo de recollida e acollemento de animais e/ou a xestión de colonias felinas por si mesmas ou asociadas, en réxime de xestión directa ou indirecta mediante a súa contratación con empresas privadas autorizadas para ese fin.

Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades locais (agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar).

Ámbito temporal

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen efectivamente realizados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025.

Actuacións subvencionables

1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas aquelas destinadas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que estean nos centros de recollida autorizados e/ou formen parte de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, relativas:

a) Aos gastos derivados do acto clínico para a esterilización cirúrxica dos animais coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e a promoción da súa adopción.

b) Aos gastos derivados do acto clínico para a identificación animal mediante a implantación de microchip, correspondente inscrición no Regiac e expedición de pasaporte sanitario, de acordo co recollido na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

c) Aos gastos derivados da manutención dos animais derivados da compra de alimento comercial seco e/ou húmido específico, coa finalidade de acadar un estado nutricional óptimo.

d) Aos gastos derivados da aplicación das medidas profilácticas necesarias para garantir o bo estado físico e sanitario do animal e a prevención de enfermidades infectocontaxiosas, relativos á vacinación preventiva e á desparasitación externa e interna dos animais.

2. Non será obxecto de subvención o imposto sobre o valor engadido (IVE).

3. Para que os gastos recollidos nas letras a), c) e e) do número 1 deste artigo sexan subvencionables, os animais da especie felina deberán estar debidamente identificados consonte o disposto na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

4. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.

Contía da axuda

O importe asignado é de oitocentos cincuenta mil euros (850.000 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

1. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá subvencionar as actuacións recollidas no artigo 2 nas seguintes contías máximas:

a) Gastos derivados do acto clínico veterinario da esterilización cirúrxica:

1º. Animais esterilizados da especie canina: ata un máximo de 50 €/animal.

2º. Animais esterilizados da especie felina: ata un máximo de 30 €/animal.

b) Gastos derivados do acto clínico veterinario para a identificación animal: ata un máximo de 20 €/animal identificado.

c) Gastos derivados da manutención dos animais derivados da compra de alimento comercial seco e/ou húmido específico:

1º. Animais da especie canina: ata un máximo de 20 €/animal

2º. Animais da especie felina: ata un máximo de 15 €/animal.

d) Gastos derivados da aplicación de medidas profilácticas: ata un máximo de 30 €/animal recollido nun centro autorizado ou nunha colonia felina das reguladas na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

2. No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias, poderán axustarse as contías pro rata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.

3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 12 de setembro de 2025.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 809506): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio

-Na Dirección Xeral de Patrimonio Natural (Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático).

-DOG Nº: 13 (public. 21/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250121/AnuncioG0760-231224-0002_gl.pdf

gl_ESGL