Consellería de Política Social e Igualdade
Orde do 8 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI437A).
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 as actuacións de mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, ambos os dous incluídos.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 as actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas realizadas no período comprendido entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025, ambos os dous incluídos.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.
Importe
1. Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de trescentos trinta mil euros (330.000,00 €) con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, de acordo coa seguinte distribución:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixine o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións: 180.000,00 €, con cargo á aplicación 08.07.313B.480.0, código de proxecto 2016 00020.
b) Liña 2: promoción de accións singularizadas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero: 150.000,00 €, con cargo á aplicación 08.07.313D.480.2, código de proxecto 2025 00050.
2. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é:
a) Na liña 1: 5.000 euros.
b) Na liña 2: 6.000 euros.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 828754): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/828754
-Sobre o procedemento administrativo asociado a esta orde, que ten o código SI437A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas unidades de Igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou do portal web http://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos das unidades de Igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade (A Coruña: 881 88 12 54, Lugo: 982 29 43 55, Ourense: 988 38 67 99, Vigo-Pontevedra: 986 81 76 58).
-DOG Nº: 80 (public. 28/04/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250428/AnuncioG0762-090425-0003_gl.pdf