Axudas económicas dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica ou dos seus fenotipo

O prazo de solicitude remata o 15/11/2024

Consellería de Política Social e Igualdade

Orde do 13 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica ou dos seus fenotipos, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento BS215A).

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas destinadas ás persoas con diagnóstico de ELA ou dos seus fenotipos, así como convocalas para o ano 2024 (código de procedemento BS215A).

Persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:

a) Ter cumpridos os 18 anos.

b) Estar empadroado nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima de 6 meses con anterioridade á presente convocatoria das axudas.

c) Estar diagnosticadas da enfermidade da esclerose lateral amiotrófica (en diante, ELA) ou calquera dos seus fenotipos.

d) Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitado o seu recoñecemento con anterioridade á presentación da solicitude.

2. Ademais, as persoas beneficiarias da axuda teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Financiamento

1. Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 2.370.385,75 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 38.05.312D.480.0 e 38.05.312D.780.0 (código de proxecto 2023 000138) da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentariaImporte
38.05.312D.480.01.330.333,78 €
38.05.312D.780.01.040.051,97 €

2. De producirse remanente de crédito nunha das referidas aplicacións orzamentarias no marco do mesmo programa, reasignaranse as contías sobrantes, que se destinarán á aplicación orzamentaria á que se imputan os gastos que se van subvencionar nesta convocatoria, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. De conformidade co previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o incremento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou dunha transferencia de crédito se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2 da dita lei.

4. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de novembro de 2024.

Cando o ultimo día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 769716): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

-Na Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria-Servizo de Calidade, Humanización e Xestión da Información.

-Na páxina web oficial da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

-No teléfono 012

-DOG Nº: 122 (public. 25/06/2024): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240625/AnuncioG0762-170624-0001_gl.pdf

gl_ESGL