Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para a implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextgenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975T).
Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas ás entidades locais e agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto, as previstas para á implantación, ampliación e/ou mellora da recollida separada dos biorresiduos ou da compostaxe in situ, implantación e ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado e téxtiles, ao tempo que se fai pública a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975T).
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias as entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables sinaladas nesta orde.
2. Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en particular, a identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de entidade beneficiaria, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.
Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde.
3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación da que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.
4. Para poder ser entidade beneficiaria desta axuda, as entidades locais deberán ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.
5. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias aquelas nas que concorra algunha das prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Crédito e contía
1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.541D.760.1 (código de proxecto 2023 000229) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de nove millóns douscentos mil euros (9.200.000,00 €).
2. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo subvencionable. A porcentaxe restante será asumida pola entidade beneficiaria cos seguintes importes máximos de subvención:
a) Liña 1, recollida biorresiduos destinados a instalacións: o importe máximo da subvención (excluída a adquisición de camión para recollida de biorresiduos) por entidade establécese en función dos habitantes do concello (INE 2023) a razón de 5 €/habitante, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo. No caso de que o concello solicite axuda para a adquisición do concepto subvencionable «Camións para a recollida de biorresiduos» o importe solicitado non se detraerá da contía máxima da axuda correspondente da entidade en función do número de habitantes, o importe máximo para cada un dos camións solicitados será de 300.000 €.
b) Liña 2, separación de biorresiduos para compostaxe: o importe máximo da subvención por entidade establecese en función dos habitantes do concello (INE 2023) a razón de 4,5 €/habitante, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo.
c) Liña 3, proxectos recollida separada de aceite de cociña: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 50.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 80.000 €.
d) Liña 4, proxectos de recollida de residuos téxtiles: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 50.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 80.000 €.
3. Para o caso de que nalgunha das liñas as solicitudes beneficiarias non resultasen suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, o crédito sobrante poderá destinarse á cobertura de solicitudes das outras liñas, sendo prioritarias as solicitudes correspondentes a liña 1, en segundo lugar as da liña 2, en terceiro lugar as da liña 3 e en cuarto lugar as da liña 4.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes (1 mes) e iniciarase en 7 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes poderanse presentar dende as 12.00 horas do referido día.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 803728): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
-DOG Nº: 250 (public. 30/12/2024): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241230/AnuncioG0760-181224-0005_gl.html