Axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de certames de gando bovino selecto

O prazo de solicitude remata o 31/10/2025

Consellería do Medio Rural

Orde do 23 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR562A).

BDNS (Identif.): 808546.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, as bases reguladoras das axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR562A).

2. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que as entidades solicitantes as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Finalidade da axuda

1. A finalidade inmediata desta orde é a promoción e difusión dos certames de gando bovino selecto criado en pureza en Galicia, mediante o fomento da celebración dunha rede de eventos para realizar en diferentes puntos da xeografía galega.

2. Os obxectivos finais que se perseguen son:

– O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

– A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.

– A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.

– A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

– O apoio aos elementos de identidade cultural relacionados coas razas gandeiras.

– A formación de novos gandeiros e gandeiras.

Entidades beneficiarias

Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as entidades locais, as asociacións de persoas gandeiras, incluídas as xestoras dos libros xenealóxicos, asociacións de persoas empresarias e outras entidades sen ánimo de lucro de Galicia que organicen certames de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas.

d) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.

e) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes.

f) Contar coa autorización previa por parte dos servizos veterinarios oficiais para a celebración do evento.

g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, polo menos no relativo á acreditación de que os animais participantes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes.

h) Os animais participantes en cada certame deben proceder, polo menos, de 5 explotacións distintas.

i) Ademais, no caso das entidades locais, deberán cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2025, de cento cincuenta mil euros (150.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión é o previsto no artigo 19.2.

Prazo de presentación de solicitudes

a) Para os certames celebrados desde o 1 de novembro de 2024 ata á data de publicación desta orde: un mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

b) Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes contado desde o día seguinte da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2025.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou celebración segundo o caso; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 808546): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

-DOG Nº: 13 (public. 21/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250121/AnuncioG0426-261224-0001_gl.pdf

gl_ESGL