Axudas para a conservación, a protección e a mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras

O prazo de solicitude remata o 10/02/2025

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Orde do 16 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a conservación, a protección e a mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, e se convocan axudas para o ano 2025 (código de procedemento MT804C).

Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras regulado polo Decreto 67/2007, do 22 de marzo, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT804C).

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, distintas das entidades locais, ou entidades sen personalidade xurídica, propietarias de elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras na data de publicación desta orde.

Ámbito temporal

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen realizados desde a certificación de non inicio ata o 15 de outubro de 2025.

En ningún caso se poderán ter iniciado as actividades antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. É condición indispensable que, con anterioridade ao comezo das actuacións, o Servizo de Patrimonio Natural do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático correspondente expida unha certificación de non inicio, para todas as actuacións subvencionables incluidas no artigo 2, agás as descritas na letra e), que será realizada de oficio a partir do momento da recepción da solicitude da axuda.

Actividades subvencionables

1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas as destinadas a:

a) Realización de podas e actuacións de formación e control da copa. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de podas e actuacións de formación e control da copa que se consideren precisas para a conservación e mellora dos elementos catalogados. As características das podas e actuacións de formación e control da copa deberán ser validadas polo Servizo de Patrimonio Natural, previamente ao seu desenvolvemento.

b) Aplicación de tratamentos fitosanitarios. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa adquisición e aplicación de produtos fitosanitarios, e posterior xestión dos residuos con xestores autorizados. As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico que requirirá da aprobación do Servizo de Patrimonio Natural previamente á súa execución.

c) Accións encamiñadas á conservación e á mellora do contorno. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa conservación e coa mellora das inmediacións dos elementos catalogados que inclúen, entre outros, a descompactación ou a fertilización do terreo, a retirada ou a modificación de elementos prexudiciais para os elementos catalogados por cuestións sanitarias ou estéticas, ou a plantación de novos exemplares (só no caso de formacións senlleiras). As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico que requirirá da aprobación do Servizo de Patrimonio Natural previamente á súa execución.

d) Accións de divulgación e sinalización. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa difusión da información da condición de árbores e formacións senlleiras que inclúen, entre outros, o deseño e a impresión dos materiais. Tamén serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa información á beira dos elementos catalogados da súa condición de árbores e formacións senlleiras que inclúen, entre outros, os sinais, os soportes e os gastos de colocación. O formato, o contido e demais características dos materiais divulgativos e/ou de sinalización deberán ser validados polo Servizo de Patrimonio Natural, previamente á edición dos materiais e/ou á execución dos traballos.

e) Realización de estudos. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de estudos fitosanitarios, biomecánicos e calequera outro que se considere preciso para a conservación e a mellora dos elementos catalogados, que inclúen a elaboración de plans de xestión encamiñados á conservación, a restauración e a mellora dos elementos catalogados.

2. Non será obxecto de subvención:

a) O imposto do valor engadido (IVE).

b) Aquelas actuacións ou actividades que poñan ou poidan poñer en perigo os valores que xustificaron a inclusión da árbore ou formación no Catálogo galego de árbores senlleiras.

c) As actuacións que se tivesen iniciado antes da certificación de non inicio ou sen contar coa validación previa á súa realización por parte do Servizo de Patrimonio Natural do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático correspondente, cando esta fose precisa.

3. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.

Contía

O importe asignado é de sesenta mil euros (60.000,00 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 806309): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio

-Na Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

-DOG Nº: 4 (public. 08/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250108/AnuncioG0760-171224-0003_gl.pdf

gl_ESGL