Consellería de Política Social e Igualdade
Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403G).
Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva ás persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2024, e proceder á súa convocatoria coa finalidade de dar continuidade a este recurso e seguir atendendo as necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas co financiamento dos gastos nos anos 2025, 2026, 2027 e ata o 31 de agosto do ano 2028 (código de procedemento BS403G).
Persoas beneficiarias
1. Poderán optar ás axudas, a través dunha prima e ás axudas de investimento, financiadas con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.02.312B.470.0 e 08.02.312B.770.0 respectivamente, as persoas físicas e cooperativas de traballo asociado titulares das casas niño recollidas no artigo 1 que estean en funcionamento e manteñan a súa situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia da seguinte maneira:
a) Para a subvención da anualidade 2025 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2021.
b) Para a subvención da anualidade 2026 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2022.
c) Para a subvención da anualidade 2027 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2023.
d) Para a subvención correspondente ata o 31 de agosto da anualidade 2028 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2024.
2. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.
Financiamento
Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total 10.534.840 € dos cales 9.966.340,00 € imputaranse á aplicación orzamentaria 08.02.312B.470.0 e 568.500,00 € á aplicación 08.02.312B.770.0.
Tipo de axuda e contía
1. Para a reposición do equipamento, material didáctico e/ou de xogo, destinarase unha subvención de 1.500 €.
2. Para a prestación dunha atención personalizada a nenos e nenas de 0-3 anos destinarase unha prima de 29.000 €/ano, se concorren as seguintes condicións:
a) A casa niño continuará ofrecendo unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto, deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación coa contorna e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.
b) A atención prestarase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna, e a casa niño permanecerá aberta durante oito horas diarias, de luns a venres durante todo o ano agás os días festivos, o día 24 e 31 de decembro e un mes cada doce, en que estará pechada por vacacións.
c) Salvo as excepcións contidas na letra anterior, a casa niño debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a persoa titular da casa niño no caso de enfermidade ou calquera outro motivo de ausencia temporal desta, agás causas imprevisibles e inevitables.
d) A atención prestada nas casas niño comprenderá o servizo de cociña, entendendo por este o quentado de alimentos, a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. En todo caso, serán achegados polas familias tanto o leite e alimentos xa cociñados como o material de hixiene tales como cueiros, toalliñas ou cremas.
e) As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará coa persoa titular da casa niño que estea a desenvolver o proxecto. Tamén se pactará coas familias un mes ao ano en que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.
f) Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas. Para os efectos desta orde, as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocuparán dúas prazas, e non poderá, en ningún caso, haber máis dun neno ou nena con estas necesidades por casa.
3. Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade ou, de existir, que os/as nenos/as estean en lista de espera e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
4. No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, terán prioridade os/as fillos/as das titulares das casas niño, e, a seguir, se as houber, os/as fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello en que se sitúe a casa niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade, a continuación as de irmáns/ás de nenos e nenas que xa están asistindo á casa niño e as de nenos e nenas empadroados/as no concello, por esta orde. De ser aínda necesario, aplicarase o baremo de acceso ás prazas coas puntuacións establecidas no anexo V.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 809223): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio
-Na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
-DOG Nº: 12 (public. 20/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250120/AnuncioG0762-030125-0001_gl.pdf