Instituto de Estudos do Territorio
Resolución do 26 de novembro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto.
Obxecto
Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, de conformidade cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia; concretamente, as relacionadas no ordinal segundo da resolución. Os gastos subvencionables son os indicados no seu ordinal cuarto.
Persoas beneficiarias
Poderán optar á axuda:
As persoas físicas titulares dun inmoble ou ben sobre o cal pretendan realizar algunha/s das actuacións subvencionables.
A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo, inmoble ou ben en que se pretenden realizar as actuacións e deberá acreditar a súa plena dispoñibilidade, como mínimo, durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario.
Contía
Destínase crédito por importe total dun millón de euros (1.000.000,00 €), financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma.
A contía máxima será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio tendo en conta o valor de mercado), co límite máximo de 3.000,00 € por solicitante e ben.
Gastos subvencionables
1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
2. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:
a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os materiais e a man de obra.
b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.
c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:
a) Os gastos correntes de funcionamento da persoa beneficiaria.
b) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.
c) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso ou o elemento sobre o cal se propón a actuación en perfecto uso ou estado.
4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.
5. En ningún caso serán subvencionables os gastos realizados con anterioridade á data de publicación no DOG da presente resolución.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e iniciarase en sete (7) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se inicie a presentación de solicitudes. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 806838): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio
-No Instituto de Estudos do Territorio.
-DOG Nº: 5 (public. 09/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250109/AnuncioG0192-271124-0001_gl.pdf