Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia, destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía

O prazo de solicitude remata o 12/09/2025

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2025, destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (código de procedemento MT811B).

Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que estean nos centros de recollida autorizados e/ou formen parte de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, á realización de campañas de concienciación para a tenza responsable e para a adopción de animais abandonados e á adquisición de material para a xestión e manexo dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2025, destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (código de procedemento MT811B).

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía con anterioridade á data de publicación desta orde.

Para poder seren beneficiarias das axudas para os gastos subvencionables recollidos nas letras a) e c) do artigo 2.1 deberán ser titulares ou xestoras dun centro de recollida autorizado e inscrito no Rexistro de Galego de Núcleos Zoolóxicos de Galicia.

Ámbito temporal

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen efectivamente realizados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025.

Actuacións subvencionables

1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas:

a) Aquelas destinadas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e na Lei 7/2023, do 28 de marzo, relativas:

1º. Aos gastos derivados do acto clínico para a esterilización cirúrxica dos animais coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e a promoción da súa adopción.

2º. Aos gastos derivados do acto clínico para a identificación animal mediante a implantación de microchip, correspondente inscrición no Regiac e expedición de pasaporte sanitario, de acordo co recollido na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

3º. Aos gastos derivados da manutención dos animais derivados da compra de alimento comercial seco e/ou húmido específico, coa finalidade de acadar un estado nutricional óptimo.

4º. Aos gastos derivados da aplicación das medidas profilácticas necesarias para garantir o bo estado físico e sanitario do animal e a prevención de enfermidades infectocontaxiosas, relativos á vacinación preventiva e á desparasitación externa e interna dos animais.

b) Campañas de concienciación e promoción da tenza responsable e para a adopción de animais abandonados, que incluirá a elaboración de material divulgativo e de publicidade relacionada coa actividade da asociación, realización de charlas ou obradoiros, así como o desenvolvemento de campañas en prensa escrita e en medios audiovisuais.

c) Adquisición de material e equipamento para a xestión e manexo dos animais que, en todo caso, estará destinado a dotar dos medios necesarios o centro de recollida de que a entidade solicitante é titular ou xestiona.

2. Non será obxecto de subvención o imposto sobre o valor engadido (IVE).

3. Para que os gastos recollidos nos puntos 1º, 3º e 4º do artigo 2.1.a) sexan subvencionables, os animais da especie felina deberán estar debidamente identificados consonte o disposto na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

4. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.

Contía

O importe asignado é de catrocentos oitenta mil euros (480.000 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

 1. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá subvencionar as actuacións recollidas no artigo 2 nas seguintes contías máximas:

a) Gastos derivados do acto clínico veterinario da esterilización cirúrxica:

1º. Animais esterilizados da especie canina: ata un máximo de 50 €/animal.

2º. Animais esterilizados da especie felina: ata un máximo de 30 €/animal.

b) Gastos derivados do acto clínico veterinario para a identificación animal: ata un máximo de 20 €/animal identificado.

c) Gastos derivados da manutención dos animais derivados da compra de alimento comercial seco e/ou húmido específico:

1º. Animais da especie canina: ata un máximo de 20 €/animal.

2º. Animais da especie felina: ata un máximo de 15 €/animal.

d) Gastos derivados da aplicación de medidas profilácticas: ata un máximo de 30 €/animal recollido nun centro autorizado ou nunha colonia felina das reguladas na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

e) Campañas de concienciación e promoción da tenza responsable e para a adopción de animais abandonados: ata un máximo de 2.500 € por solicitante.

f) Adquisición de material para a xestión e manexo dos animais: ata un máximo de 5.000 € por solicitante.

2. No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias, poderán axustarse as contías pro rata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.

3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 12 de setembro de 2025.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 809507): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio

-Na Dirección Xeral de Patrimonio Natural (Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático).

-DOG Nº: 13 (public. 21/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250121/AnuncioG0760-231224-0004_gl.pdf

gl_ESGL