Axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo

O prazo de solicitude remata o 30/10/2025

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Orde do 4 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MT815A).

Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas a compensar as persoas titulares de explotacións gandeiras polos danos ocasionados polo oso pardo, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT815A).

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia.

Ámbito temporal

As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos ocasionados polo oso pardo que se produzan desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025.

Comunicación do dano

No prazo máximo de tres (3) días hábiles desde que se produza o dano, as persoas beneficiarias deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, en que se lles facilitará unha chave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

O horario hábil de atención telefónica é desde as 8.00 ata as 20.00 horas, de luns a venres, e desde as 8.00 ata as 17.30 horas, os sábados.

Para os danos constatados entre as 17.30 horas dos sábados e as 8.00 horas dos luns, a comunicación da constatación do ataque realizarase nas vinte e catro horas seguintes contadas desde as 20.00 horas do domingo.

Non se poderá manipular o escenario para así non obstaculizar a labor do persoal da escala de axentes facultativos ambientais que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta. Para isto, tomaranse as medidas oportunas para evitar, no posible, a alteración do escenario, evitando en todo caso o traslado de elementos do lugar dos feitos.

Os animais feridos poderán ser atendidos por persoal veterinario coa menor manipulación posible co obxecto de non entorpecer o labor investigador.

Contía

O importe asignado é de cento vinte mil euros (120.000,00 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:

a) Para os danos que fosen comunicados aos servizos de Patrimonio Natural dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático entre o 1 de outubro de 2024 e a data de publicación desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

b) Para os danos ocasionados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano realizado de acordo co establecido no artigo 5 desta orde.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 805679): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio

-Na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

-DOG Nº: 2 (public. 03/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250103/AnuncioG0760-051224-0003_gl.pdf

gl_ESGL