Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Orde do 3 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MT809B).
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código do procedemento MT809B).
Entidades beneficiarias
Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da Comunidade Autónoma.
Ámbito temporal
Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo lobo que se comuniquen desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025.
Comunicación do dano
1. Nas vinte e catro horas seguintes ao ataque no caso de gando en réxime intensivo e de tres días no caso de gando en réxime semi-extensivo ou extensivo, as persoas propietarias das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, en que se lles facilitará un código que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.
O horario hábil de atención telefónica é desde as 8.00 ata as 20.00 horas de luns a venres, e desde as 8.00 ata as 17.30 horas os sábados.
Para os danos constatados entre as 17.30 horas dos sábados e as 8.00 horas dos luns, a comunicación da constatación do ataque realizarase nas vinte e catro horas seguintes contadas desde as 20.00 horas do domingo.
Os animais mortos non poderán ser manipulados para non obstaculizar o labor investigador dos/das axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta. Para isto, tomaranse as medidas oportunas para evitar, no posible, a alteración do escenario do acto de depredación, evitando en todo caso o seu traslado do lugar dos feitos.
Os animais feridos poderán ser atendidos por persoal veterinario coa menor manipulación posible co obxecto de non entorpecer o labor investigador.
2. A partir do 1 de outubro de 2025 poderán realizarse comunicacións por danos de lobo de acordo co establecido nos parágrafos anteriores, quedando condicionada a concesión de axudas a unha nova convocatoria no ano 2026.
Contía
O importe asignado é de novecentos once mil douscentos sesenta e oito euros (911.268 €).
1. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I da convocatoria, para cuxo cálculo se tivo en conta tanto o dano emerxente como o lucro cesante.
Este importe incrementarase nun 10 % no caso daquelas explotacións en que se comprobase a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo (cans para a protección e defensa do gando, cerrumes de malla electrificada, valados fixos electrificados e valados fixos con malla gandeira ou cinexética), e que fosen avaliadas como axeitadas pola Comisión de Valoración correspondente.
2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito), nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das contías previstas no anexo I desta orde.
No caso de animais que tras o tratamento prescrito morran como consecuencia das feridas producidas polo acto de depredación, a axuda poderá superar o límite das contías previstas no anexo I da convocatoria. Nestes casos, a axuda estimarase en función das contías previstas no anexo I desta orde por animal, e mais gastos veterinarios producidos e acreditados ata un máximo do 10 % das anteditas contías.
No caso de reses afectadas polo ataque de lobo que sobrevivan ao acto de depredación e como consecuencia deste sufran un aborto, que precisará dunha certificación veterinaria que o acredite, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75 % do valor da clase e idade máis baixa, segundo as contías previstas no anexo I desta orde. En caso de parto múltiple, compensarase por cada un dos animais abortados.
3. Os gastos de eutanasia producidos e acreditados serán compensables. O importe máximo da compensación dos gastos de eutanasia por animal establécese en 75 €. No caso de que os gastos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 75 €.
Prazo de presentación de solicitudes
a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2024 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.
É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2024.
b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 802781): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
-DOG Nº: 245 (public. 20/12/2024) – BASES REGULADORAS E CONVOCATORIA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241220/AnuncioG0760-041224-0006_gl.pdf