Axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros (Feader)

O prazo de solicitude remata o 18/03/2025

Consellería do Medio Rural

Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convoca para o ano 2025 (código de procedemento MR605C).

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR605C).

2. Nesta orde inclúense as seguintes intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader):

a) Intervención 6883, investimentos forestais produtivos.

• Subintervención 6883_02, investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas (liña I).

b) Intervención 6881.4, investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais.

• Subintervención 68814_05, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas (liña II).

• Subintervención 68814_06, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros (liña III).

Beneficiarios

1. Na liña I (subintervención 6883_02, investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas) serán persoas beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta inscritas no correspondente rexistro e o silvicultor/a activo/a inscrito no rexistro correspondente con data límite a de xustificación da execución das actuacións do Módulo de silvicultura produtiva de coníferas.

Na liña II (subintervención 68814_05, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas) e na liña III (silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros) serán persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.

2. Non terán a condición de persoas beneficiarias as peticións individuais nos seguintes casos:

a) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas dentro do perímetro dun monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo, que figuren como tal no sistema rexistral forestal de Galicia.

b) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas no perímetro de terreos que no seu día foron clasificados como montes veciñais en man común e que, mediante sentenza xudicial, perderon a súa condición de propiedade xermánica, mantendo o seu carácter de propiedade colectiva pertencente aos veciños dun lugar.

3. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

4. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

6. Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.

7. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán ter a inscrición no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

8. O/a silvicultor/a activo/a deberá estar inscrito no rexistro correspondente segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C).

Intensidade e compatibilidade da axuda

1. Para a liña I (intervención 6883, investimentos forestais produtivos) a intensidade da axuda será de ata o 65 % do investimento total subvencionable, segundo o valor do Módulo de silvicultura produtiva de coníferas do modelo silvícola seleccionado pola persoa interesada.

A concesión da axuda será incompatible coa concesión doutras subvencións para o mesmo obxecto e superficie.

2. Para a liña II e a liña III (intervención 6881.4, investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais) a intensidade da axuda será de ata o 100 % do investimento total subvencionable segundo o valor do Módulo de silvicultura non produtiva de frondosas, do Módulo de silvicultura básica de rehabilitación de soutos de castiñeiro ou do Módulo de silvicultura básica de rehabilitación de soutos de castiñeiro e podas de renovación de copas, segundo corresponda.

A concesión da axuda será incompatible coa concesión doutras subvencións para o mesmo obxecto e superficie.

As actuacións previstas nestas liñas contribúen ao interese público ao promoveren a xestión sustentable dos montes mediante intervencións ambientais en frondosas e soutos de castiñeiros. Estas actuacións favorecen a conservación da biodiversidade, melloran a resiliencia fronte ao cambio climático e reducen o risco de incendios forestais. Ademais, fomentan o desenvolvemento socioeconómico das zonas rurais, contribuíndo á creación de emprego e á fixación da poboación no territorio, en liña cos obxectivos do PEPAC 2023-2027.

3. Tanto na solicitude da axuda como na solicitude de pagamento, a persoa beneficiaria deberá sinalar o detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

4. O IVE non é subvencionable.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 811860): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

-DOG Nº: 23 (public. 04/02/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250204/AnuncioG0426-301224-0004_gl.pdf

gl_ESGL