A Asociación Ser recibiu nas Nogais o pasado 19 de xuño ás persoas que participaron no encontro de reflexión colectiva sobre o acceso á vivenda no rural, enmarcado dentro do proxecto “Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente”.
Ao encontro acudiron unhas sesenta persoas interesadas na situación de compra, venda e aluguer de vivenda nos concellos do rural e xerouse un interesante debate con aportacións moi valiosas tanto por parte do público como das persoas que participaron na mesa redonda.
Os alcaldes de A Veiga e Ribeira de Piquín, participaron expoñendo as medidas de xestión política que están levando a cabo nestes concellos a diferentes niveis (emprego, turismo, vivenda…). Sen dúbida, boas prácticas que tiveron gran aprobación entre a audiencia e que se poderían replicar noutros concellos.
Xa na parte máis informal do evento, diferentes persoas achegáronse á organización para informarse sobre como poñer en venda ou aluguer vivendas no rural, e para coñecer máis en detalle como funciona o portal www.aldeasvivas.gal.