Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
ORDE do 10 de abril de 2025 pola que se establecen os criterios de distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, previsto na letra i) do artigo 60.catro da Lei de orzamentos xerais para 2025 (código de procedemento PR486E).
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer os criterios para a distribución da dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local prevista na letra i) do artigo 60.catro da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, e abrir un prazo para a presentación de solicitudes de financiamento para proxectos estratéxicos (código de procedemento PR486E).
Destinatarios
1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local a que fai referencia a letra i) do artigo 60.catro da Lei de orzamentos ten como destinatarios os concellos que realicen investimentos en infraestruturas municipais que supoñan un desenvolvemento estratéxico desde o punto de vista económico, social ou territorial do concello.
2. Os concellos poderán presentar proxectos de forma individual ou proxectos conxuntos, a través de asociacións ou agrupacións reguladas por convenio ou mediante mancomunidades.
3. Para poder acceder ás achegas do fondo adicional, as entidades solicitantes deben acreditar a remisión da conta xeral do exercicio que corresponda ao Consello de Contas de Galicia.
Dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local
1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local previsto na letra i) do artigo 60.catro da Lei de orzamentos xerais para 2025 ascende a un total de 8.514.297,00 €, para a que existe crédito adecuado e suficiente na sección 21 (Transferencias a corporacións locais) dos orzamentos para 2025.
2. As operacións necesarias para a xestión orzamentaria e contable desta achega serán realizadas pola Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico por proposta da Dirección Xeral de Administración Local, que ditará os actos administrativos que precisen de soporte contable.
Actuacións financiables
1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local a que fai referencia esta orde está destinada á realización de investimentos de carácter estratéxico para a respectiva entidade local.
2. Para os efectos deste fondo e sempre que se xustifique debidamente na memoria xustificativa e no proxecto que se presente, considéranse proxectos estratéxicos:
a) Os proxectos para a realización de investimentos nas infraestruturas locais que sexan fundamentais ou decisivos para a mellora dos servizos, para o desenvolvemento social ou para o equilibrio territorial e teñan repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal.
b) Os proxectos de investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito local ou comarcal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial da zona.
c) Os proxectos que desenvolvan investimentos en infraestruturas municipais previstos nun plan estratéxico aprobado pola entidade local.
d) Os proxectos de investimento para a conexión, a reorganización, o agrupamento ou a centralización dos edificios e espazos destinados á prestación de diversos servizos municipais que teñan como obxectivo a mellora do funcionamento administrativo e do acceso da cidadanía á realización de distintos trámites, que funcionen como espazos de encontro e interacción social e/ou que actúen como eixos para un modelo sustentable da mobilidade urbana.
3. Sen prexuízo de que o proxecto reúna as características sinaladas nas letras a), b), c) ou d) da alínea anterior, que quedarán debidamente xustificadas no expediente, para a súa consideración como estratéxico o proxecto deberá ter un orzamento mínimo de 500.000,00 €.
Importes máximos das achegas
O importe das achegas deste fondo adicional non superarán o importe equivalente ao 50 % do orzamento ou, de ser o caso, do seu custo final, co límite de 700.000,00 € por cada proxecto estratéxico.
Prazo e forma de presentación de proxectos estratéxicos
1. Para poder recibir a achega regulada nesta orde as entidades deberán presentar unha solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia, dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Máis Información
-Na Dirección Xeral de Administración Local.
-DOG Nº: 75 (public. 21/04/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250421/AnuncioG0759-100425-0013_gl.pdf