Consellería de Política Social e Igualdade
Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434A).
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2025.
2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para intentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantivese sobre elas unha relación de dominación e/ ou de explotación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, e axudalas a romper coa situación de violencia, dominación e/ou explotación, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura da situación en que corren perigo e/ou están sendo explotadas.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no caso de mulleres estranxeiras, ter residencia legal en España. Ter cesado a convivencia co agresor ou a vinculación coa/s persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude, e que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero fose adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude, este intervalo non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interposita persona. Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
Importe
A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como a o grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun abano que vai desde 200 euros/mes ata 800 euros/mes e ata un máximo de doce mensualidades.
Para a concesión destas axudas destinaranse 5.399.994,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:
Ano 2025: 2.425.000,00 euros.
Ano 2026: 2.974.994,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das persoas beneficiarias durante o exercicio seguinte.
Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2025.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 809294): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio
-Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos , ou da Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 881 99 91 64 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal
-DOG Nº: 12 (public. 20/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250120/AnuncioG0762-070125-0003_gl.pdf