Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia

O prazo de solicitude remata o 15/10/2025

Instituto Galego da Vivenda e Solo

Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se procede á convocatoria do programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (código de procedemento VI501A).

Obxecto, modalidades e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2025 o Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as tres modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI501A:

– Modalidade A. Adquisición de vivendas localizadas nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.

– Modalidade B. Adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.

– Modalidade C. Adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.

2. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos das persoas beneficiarias

1. De conformidade co ordinal sexto e trixésimo da Resolución do 12 de febreiro de 2024, poderán ser beneficiarias das axudas contempladas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) Ter subscrito con posterioridade ao 31 de outubro de 2024 un contrato privado ou, no seu caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que cumpra os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.

No caso da modalidade C, o contrato privado deberá estar visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, a escritura pública deberá conter as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

c) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. Non obstante, no caso da modalidade B, o requisito do empadroamento só será exixible no momento da finalización das obras, para o suposto de que fora necesaria a súa rehabilitación.

d) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia cumpran os seguintes requisitos:

1º) No suposto da modalidade A, que os ditos ingresos sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM.

Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación, e de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

– Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou persoas con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

2º) No suposto da modalidade B, que os citados ingresos sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o IPREM.

3º) Na modalidade C, ter cumprido o requisito de ingresos no momento que determine a correspondente normativa reguladora.

e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Na modalidade A é preciso, ademais, que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista no actual ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. Ademais dos requisitos sinalados no punto anterior, é necesario:

– Na modalidade A, ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da formalización da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da convocatoria.

– Na modalidade C, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.

3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados neste ordinal para poder ser beneficiaria da axuda.

4. Tamén poderán solicitar a axuda aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes ao abeiro da Resolución do 12 de febreiro de 2024 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados nesta resolución, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.

Contías das axudas

1. A contía máxima da axuda determinarase en función da modalidade da axuda que se solicite e terá o límite do 20 % do prezo de adquisición da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición:

a) No suposto da modalidade A, a contía máxima da axuda será de ata 10.800 euros por vivenda.

b) No suposto da modalidade B, a contía máxima da axuda será a seguinte:

1ª) Ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos.

2ª) Ata 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

3ª) No suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado Área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.

c) No suposto da modalidade C, a contía máxima da axuda será a seguinte:

1º) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

2º) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que puidese recibir a persoa beneficiaria que adquira unha parte dela determinarase aplicando a porcentaxe de cota adquirida ao importe da axuda que lle correspondería, para o caso de ter adquirido o 100 % da vivenda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 27 de xaneiro de 2025 e rematará o 15 de outubro de 2025, e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. As solicitudes presentadas fóra do prazo anterior serán inadmitidas.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 808335): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio

-Na Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

-DOG Nº: 8 (public. 14/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250114/AnuncioC3Q2-070125-0001_gl.pdf

gl_ESGL