Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais

O prazo de solicitude remata o 16/09/2024

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Orde do 27 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR802R).

Obxecto e finalidade

Apoiar a creación de cooperativas e sociedades laborais, por parte de persoas traballadoras de entidades con negocios en crise ou sen remuda xeracional, por parte de persoas traballadoras autónomas ou mediante a transformación de sociedades.

Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos procesos que se detallan a continuación:

a) Constitución por ausencia de remuda xeracional:

Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultaren extinguidos por causa de crise ou xubilación da súa persoa empregadora (entendéndose como tal as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica).

b) Constitución por persoas autónomas:

Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, que estean integradas na súa totalidade por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, polo tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.

c) Constitución por transformación:

c.1) Transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude.

Esta transformación acordaraa a xunta xeral, ou mediante sistema válido equivalente para expresar a vontade social, coa maioría exixida pola súa lexislación aplicable, que se fará constar en escritura pública de transformación que expresará, necesariamente, o cumprimento de todos os requisitos exixidos pola lexislación para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral. Achegarase esta escritura pública de transformación xunto coa acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

c.2) Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte, fundamentalmente, das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social e de transformación nunha sociedade laboral ou nunha cooperativa logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral; ou logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa.

A transformación en cooperativa ou sociedade laboral deberá estar debidamente inscrita no rexistro correspondente na data da solicitude.

Contía

O orzamento total ascende a dous millóns trescentos setenta mil euros (2.370.000 €), distribuído en dúas aplicacións orzamentarias:

Aplicación orzamentariaCódigo do proxecto2024Importe total
44.04.324C.471.02021.0067570.000,00 €570.000,00 €
44.04.324C.771.02021.00671.800.000,00 €1.800.000,00 €
Total2.370.000,00 €2.370.000,00 €

A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables regulados no artigo 6 da orde e cos límites establecidos no artigo 7.1.

As axudas poden incrementarse no caso de que as entidades beneficiarias cumpran algunha das condicións reguladas no artigo 7.2 da orde.

En todo caso, a axuda total para cada entidade beneficiaria polos conceptos recollidos nos puntos 1 e 2 do artigo 7 da orde non poderá exceder os 74.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda comezará a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 16 de setembro de 2024, salvo que se produza o suposto de esgotamento do crédito orzamentario.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 764319): http://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración).

-DOG Nº: 111 (public. 10/06/2024): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240610/AnuncioG0767-290524-0001_gl.pdf

gl_ESGL