Se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo para o ano 2025, con financiamento plurianual.
II. Programa Fogar Vivo
Sétimo. Obxecto do Programa
1. O Programa ten por obxecto establecer axudas ás persoas ou entidades propietarias e usufrutuarias de vivendas coa finalidade de incentivar que as incorporen ao mercado de alugamento a través dunha renda accesible.
2. A obtención de calquera das axudas que se regulan nesta resolución determinará automaticamente a vinculación da correspondente vivenda ás obrigas derivadas do Programa.
Oitavo. Seccións do Programa
1. O Programa desenvolverase a través das seguintes seccións:
a) Sección I, xestionada polo IGVS.
b) Sección II, xestionada a través de concellos que obteñan a condición de entidade colaboradora.
2. As vivendas poderán incorporarse a calquera das seccións, a excepción daquelas cuxa propiedade ou usufruto pertenza ás entidades de crédito e ás súas filiais inmobiliarias, así como ás entidades de xestión de activos, incluídas as procedentes da reestruturación bancaria, que só poderán incorporalas ao Programa a través da sección II.
Noveno. Control, inspección e auditoría
O IGVS poderá realizar as tarefas de control, inspección e auditoría que considere necesarias, tanto nos contratos asinados ao abeiro do Programa, como nas vivendas incorporadas a este co fin de detectar posibles incumprimentos, coas consecuencias recollidas nesta resolución.
III. Bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo
(código de procedemento VI426F)
Décimo. Axudas do Programa
O Programa establece as seguintes axudas:
a) Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar.
b) Unha axuda para a adecuación e reparación da vivenda.
c) Unha axuda vinculada á obtención da axuda para adecuación e reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.
Décimo primeiro. Actuacións subvencionables para a axuda de adecuación e reparación das vivendas
1. Na execución de obras de adecuación e reparación das vivendas considéranse subvencionables as seguintes actuacións:
a) Obras de conservación e mantemento.
b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como as obras necesarias para o correcto funcionamento das súas instalacións e/ou para a súa adaptación á normativa vixente.
c) Axustes na distribución interior da vivenda.
d) Adquisición e colocación de mobiliario de cociña, así como dos seguintes electrodomésticos: neveira, cociña, forno, lavavaixelas e campá extractora.
e) Cambio de sanitarios, lavadoras, bañeira e anteparos.
2. Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das vivendas seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.
3. Estas actuacións incluirán, para os efectos de determinar o custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.
4. O período de execución destas actuacións deber ser o previsto na correspondente resolución de convocatoria.
Décimo segundo. Contía das axudas
A contía máxima das axudas non poderá superar o límite de 16.000 euros por vivenda, de acordo coa seguinte distribución:
a) Axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar: de ata 3.000 euros, desagregados en importes anuais de ata 600 euros, no caso de que a persoa arrendadora sexa unha persoa física, ou de ata 428 euros, no caso de que sexa unha persoa xurídica.
b) Axudas para a adecuación e reparación das vivendas: en función do investimento realizado, terá os seguintes importes:
– Axuda base de ata 5.000 euros: a subvención será do 80 % do gasto xustificado, con independencia do número de actuacións que se realicen, ata un investimento de 6.250 euros.
– Axuda complementaria de ata 6.000 euros, a razón 2.000 euros por cada 10.000 euros de investimento adicional a partir do investimento de 6.250 euros, ou a parte proporcional, en función do investimento realizado e dos gastos xustificados.
c) Axuda vinculada: 2.000 euros.
Décimo terceiro. Requisitos para obter as axudas do Programa
1. Para obter as axudas do Programa as vivendas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ser de titularidade privada e non estar suxeitas a ningún réxime de protección pública.
c) Reunir as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento no momento de ofrecerse en alugamento.
d) Estar vinculadas ao Programa durante un período mínimo de cinco ou sete anos, en función de que a persoa propietaria ou usufrutuaria sexa unha persoa física ou xurídica.
e) Non ter sido arrendadas durante os tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude da/s axuda/s. Poderá exceptuarse este requisito para as vivendas incorporadas na sección II, no caso de que por imperiosa necesidade de emerxencia social, segundo o informe do servizos municipais, a vivenda xa estivese adxudicada á/s persoa/s arrendataria/s.
f) Non estar afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.
2. Así mesmo, para a obtención das axudas será preciso que os contratos de alugamento cumpran os seguintes requisitos:
a) Que se sometan á lexislación de arrendamentos urbanos para uso de vivenda habitual e permanente durante todo o tempo do contrato.
b) Que a/s persoa/s arrendataria/s non teña/n vínculo de parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo coa persoa arrendadora. Este mesmo criterio aplicarase á relación entre a/s persoa/s arrendadora/s e a/s persoa/s arrendataria/s, cando a primeira sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios/as ou partícipes.
c) Ter unha renda mensual durante o primeiro ano de alugamento que non supere os seguintes importes, en función do concello en que estea situada.
Prazo de solicitude: xa aberto
📅 Do 18 de xullo ás 09:00 h ao 30 de outubro de 2025 ás 14:00 h
(As solicitudes poden presentarse pasados 5 días hábiles da publicación no DOG)
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250710/AnuncioC3Q2-040725-0002_es.html