SABERES TRADICIONAIS: XABÓNS E CHAMPÚ SOLIDO EN BALEIRA E AS NOGAIS.

O prazo de solicitude remata o ACF

O Centro Social Cultural de Baleira e a sede da Asociación As Bulideiras das Nogais acolleron nas últimas semanas senllos obradoiros no que os participantes aprenderon a elaborar xabóns artesanais e champús sólidos da man de Diana Forero, propietaria dos Apartamentos Sons do Eo.

Estas actividades, coordenadas polo GDR Montes e Vales Orientais e que foron un auténtico éxito en canto ao número de asistentes, tiñan como obxectivo recoñecer aqueles recursos do territorio que poden ser aproveitados para realizar distintos traballos. Neste caso tratouse de recoñecer os materiais, aceites e plantas naturais do entorno que serven de ferramentas para elaborar xabóns e champús sólidos de xeito totalmente artesá.

Partindo de cero, Diana Forero guiou aos asistentes nun proceso de elaboración que comeza coa saponificación, onde conflúen tres elementos: auga, graxas ou aceites e unha base/álcali. Nestes obradoiros tamén se fixo moito fincapé nas medidas de seguridade que hai que cumprir á hora de tratar con estes produtos, xa que hai algúns ingredientes corrosivos como a sosa cáustica. Así mesmo, é imprescindible realizar certos traballos ao aire libre ou nunha sala ben ventilada, ao igual que se deben empregar elementos como gafas de seguridade ou luvas.

Finalmente, Diana Forero explicou a cantidade de ingredientes que hai que empregar en cada formulación para que a composición final dos xabóns e os champús sexa perfecta. Ademais da aprendizaxe, cada participante puido levar para a casa unha mostra dos xabóns.

No seguinte documento pódese atopar toda a información relativa a estes dous obradoiros, así como o proceso para conseguir que os xabóns e os champús sólidos sexan unha realidade.

Desde o GDR Montes e Vales Orientais agradecemos a implicación e o traballo desenvolvido por Diana Forero nestes dous obradoiros, así como aos participantes pola súa asistencia e ao Concello de Baleira e á Asociación As Bulideiras das Nogais polas cesións dos locais nos que se desenvolveron os respectivos talleres.

gl_ESGL