Subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do PRTR – Unión Europea-NextGenerationEU.

O prazo de solicitude remata o 16/08/2024

Axencia de Turismo de Galicia

Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J).

Obxecto e réxime

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico enogastronómico de Galicia, cos obxectivos de ampliar a oferta de aloxamento e de restauración e promover un turismo enogastronómico sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas reguladas nestas bases ampáranse no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño) (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014) e, en particular, no seu artigo 14, que regula as axudas rexionais ao investimento.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.

2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Actuacións subvencionables

1. Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico ou restauración, segundo os artigo 55 e 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:

• Establecementos hoteleiros.

• Pensións.

• Apartamentos.

• Vivendas turísticas.

• Establecementos de turismo rural.

• Albergues turísticos.

• Campamentos de turismo.

• Establecementos de restauración (restaurantes, cafeterías, bares).

2. O proxecto deberá ir aparellado da posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas. As experiencias deberán contar entre os seus produtos principais con, polo menos, un produto que conte con denominación de orixe protexida de Galicia, indicación xeográfica protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade. Deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto enogastronómico que se vai desenvolver.

Importe

As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 2.500.000,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 e 2025.

O orzamento divídese en catro liñas de actuación subvencionables:

Liña 1: creación de infraestruturas de aloxamento e restauración con criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética, cun orzamento de 1.568.000,00 euros.

Liña 2: sistemas de enerxías renovables e economía circular, cun orzamento de 400.000,00 euros.

Liña 3: proxectos dixitais vinculados á enogastronomía e á sustentabilidade turística, cun orzamento de 150.000,00 euros.

Liña 4: experiencias enogastronómicas, cun orzamento de 382.000,00 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS Identif.: 754233): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions

-Na web https://sede.xunta.gal/portada introducindo no buscador o código de procedemento.

-Nos teléfonos 981 54 63 60 e 981 54 02 61.

-No enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

Descargar DOG Nº. 75 (16 abril 2024) en PDF

gl_ESGL