Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (código de procedemento PR487A).
Obxecto
Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade veciñal ou sobre os cales a entidade solicitante ten un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Destino das subvencións
1. Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os cales teña un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
2. Para os efectos desta orde, considéranse subvencionables os seguintes proxectos:
a) Liña 1: as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade veciñal ou de mulleres rurais desenvolve a súa actividade e as obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.
b) Liña 2: a adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade, integrado por mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual; e a adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.
En calquera caso, só serán subvencionables os proxectos operativos, é dicir, aqueles que conteñen os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron solicitados.
3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere elixible como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, non son subvencionables os gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugamentos de locais e similares, a adquisición de elementos decorativos ou ornamentais nin a compra de teléfonos móbiles.
Importe
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catro millóns de euros (4.000.000,00 €), coa seguinte distribución inicial por liña de subvención:
Liña | Importe |
Liña 1. Obras | 3.400.000,00 |
Liña 2. Equipamentos | 600.000,00 |
Total | 4.000.000,00 |
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 808549): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio
-Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Administración Local a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (http://cpapx.xunta.gal).
b) Nos teléfonos 981 54 62 11, 881 99 72 58 e 981 54 61 72.
c) No enderezo electrónico: administracionlocal@xunta.gal
-DOG Nº: 9 (public. 15/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250115/AnuncioG0759-301224-0002_gl.pdf