Subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero

O prazo de solicitude remata o 22/05/2025

Consellería de Política Social e Igualdade

Orde do 2 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI461B).

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

Por medio desta convocatoria, as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiaras das subvencións:

a) As entidades sen ánimo de lucro.

b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

2. Para seren beneficiarias, as entidades e as cooperativas relacionadas no punto anterior deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

b) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Importe do crédito e contía da subvención

1. Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de seiscentos mil euros (600.000 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.2 (código de proxecto 2023 00097) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2025. Esta convocatoria está cofinanciada nun 60% pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, no obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.8: Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos, e medida 2.H.01: Apoio á inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.

2. O método de concesión e xustificación empregado será o de custos simplificados consonte o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados.

Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario mensual, en función do grupo profesional en que se encontren as traballadoras en cuestión, calculado segundo o disposto no Convenio colectivo de acción e intervención social 2022-2024 máis a cotización empresarial á Seguridade Social, no caso de que non estea bonificada, segundo o seguinte cadro:

Custo salarial mensualSeguridade Social (31,77%)Custo unitario mensual
Custo unitario 1: grupo profesional 12.126,57675,612.802,18
Custo unitario 2: grupo profesional 21.919,15609,712.528,86
Custo unitario 3: grupo profesional 31.682,40534,502.216,90
Custo unitario 4: grupo profesional 41.466,60465,941.932,54

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 826947):

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/826947

– Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI461B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, nas unidades administrativas de igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada, ou da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

-DOG Nº: 76 (public. 22/04/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250422/AnuncioG0762-020425-0005_gl.pdf

gl_ESGL