Subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento.

O prazo de solicitude remata o 04/11/2024

Instituto Galego da Vivenda e Solo

Resolución do 19 de marzo de 2024 pola que se procede á convocatoria das subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (código de procedemento VI426C).

Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2024, con carácter plurianual, as subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (en diante, PMVA), que se tramitará co código de procedemento VI426C.

2. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.

b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

1. Que a vivenda estea incorporada ao PMVA.

2. Que a/as actuación/s subvencionable/s se realicen no período que se sinala no ordinal quinto desta resolución de convocatoria.

3. Que a vivenda en que se realice/n a/as actuación/s subvencionable/s non obtivese con anterioridade outra subvención do IGVS do Programa Rehaluga, ao abeiro do PMVA.

Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) Obras de conservación e mantemento.

b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como as obras necesarias para o correcto funcionamento das súas instalacións e/ou para a súa adaptación á normativa vixente.

c) Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.

d) Adquisición e colocación de mobiliario de cociña, así como dos seguintes electrodomésticos: neveira, cociña, forno e campá extractora.

e) Cambio de sanitarios, bañeira e anteparos.

Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.81.451A.780.7, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 196.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 91.000 euros para a anualidade 2024 e 105.000 euros para a anualidade 2025.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Contía das axudas

As actuacións subvencionaranse polo gasto xustificado, sen que o importe máximo desta axuda poida superar as seguintes cantidades, con independencia do número de actuacións que se realicen:

a) 3.000 euros, no suposto de que a vivenda estea alugada ou se vaia alugar conforme o prezo máximo de renda fixado no anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022 pola que se regula o PMVA, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

b) 5.000 euros, no suposto de que a renda da vivenda que estea alugada ou se vaia alugar sexa inferior, polo menos nun 10 % e ata un 15 %, ao prezo máximo de renda fixado no dito anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

c) 8.000 euros, no suposto de que a renda da vivenda que estea alugada ou se vaia alugar sexa inferior, en máis dun 15 %, ao prezo máximo de renda fixado no dito anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o día 4 de novembro de 2024 e, en todo caso, no momento do esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 751852): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral do IGVS.

Descargar DOG Nº. 65 (3 abril 2024) en PDF

gl_ESGL