Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2024

O prazo de solicitude remata o 15/07/2024

Escola Galega de Administración Pública

Resolución do 3 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2024, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (código de procedemento PR780A).

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia para o ano 2024 no marco do AFEDAP (código de procedemento PR780A).

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas os concellos, as deputacións provinciais e as demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do AFEDAP.

De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo do AFEDAP, só poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas as asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto nos artigos 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias ouprohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de que as entidades non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nos ditos artigos realizarase mediante declaración responsable, a través dos anexos I, IV e VI, segundo corresponda.

Financiamento. Liñas de subvencións

A asignación para as subvencións obxecto desta convocatoria para o exercicio 2024 establécese en 675.550 euros.

Esta resolución, segundo o principio de economía procedemental, inclúe dúas liñas de subvencións, unha, en réxime de concorrencia competitiva, e outra, en réxime de concorrencia non competitiva, coa mesma causa, isto é, o financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia. O importe distribúese do seguinte xeito:

DescriciónAplicación orzamentariaImporteEntidades beneficiarias
Liña en concorrencia competitiva07.81.122B.460.1 Fondo finalista do Estado513.418 €Entidades que presenten plans de formación unitarios e/ou agrupados
Liña en concorrencia non competitiva07.81.122B.481.0 Fondo finalista do Estado162.132 €Entidades que presenten plans de formación interadministrativos

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión é o previsto no artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia.

Actividades obxecto de financiamento

As entidades promotoras recollidas na base quinta desta resolución poderán solicitar subvencións para financiar os seguintes tipos de plans:

1. Plans unitarios: caracterízanse por afectar o persoal dunha soa entidade local con, polo menos, 200 efectivos.

2. Plans agrupados: son aqueles que afectan o persoal de dúas ou máis entidades locais que agrupen, polo menos, 200 efectivos. Poderán ser formulados ben polas propias entidades locais das cales dependa o persoal ou ben por federacións ou asociacións de entidades locais. En todo caso, cada entidade local só poderá participar nun único plan agrupado.

3. Plans interadministrativos: son aqueles destinados non só ao persoal da Administración promotora, senón tamén ao persoal empregado público doutras administracións. Estes plans só poderán ser elaborados polas asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto nos artigos 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, tanto individualmente por iniciativa propia como mediante as adhesións dos concellos e deputacións provinciais que o desexen.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 766843): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Escola Galega de Administración Pública.

-DOG Nº: 114 (public. 13/06/2024): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240613/AnuncioO150-040624-0001_gl.pdf

gl_ESGL