Consellería de Política Social e Igualdade
Orde do 23 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI461A).
BDNS (Identif.): 809358.
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2025, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de doce (12) mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta orde os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.
Persoas destinatarias finais
1. As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta orde serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.
2. Para os efectos desta orde, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor e que acrediten a situación de violencia mediante algún dos documentos seguintes:
a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar.
b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero, ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual.
c) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local, no cal se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.
d) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, no cal se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.
e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente no cal conste a existencia dos ditos indicios.
f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.
g) Informe das forzas e corpos de seguridade, que indique a existencia de indicios claros de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual.
En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de presentación da correspondente oferta por parte da entidade contratante na oficina de emprego ou á data de contratación.
Importe
1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de dous millóns cincocentos mil euros (2.500.000,00 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.06.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112).
A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 809358): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI461A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, nas unidades administrativas de Igualdade dos departamentos territoriais da Consellería, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada, ou da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.gal
-DOG Nº: 12 (public. 20/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250120/AnuncioG0762-231224-0003_gl.pdf