Augas de Galicia
Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU301E).
BDNS (Identif.): 826165.
Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU301E).
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de abastecemento que dean servizo a unha poboación inferior a 20.000 habitantes.
Importe
As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por un importe dun millón de euros (1.000.000,00 €) con cargo á anualidade 2025 e un millón cincocentos mil euros (1.500.000,00 €) con cargo á anualidade 2026, con fondos procedentes do MRR, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola UE-NextGenerationEU.
O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, excluído o imposto sobre o valor engadido, co límite máximo de corenta e cinco mil euros (45.000,00 €) por solicitude, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na resolución.
Actuacións subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde a data de publicación desta convocatoria de subvencións destinados á execución das actuacións incluídas no Plan de actuación para minimizar as perdas de auga, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
a) O plan de actuación para minimizar as perdas de auga debe ter sido aprobado pola entidade local con anterioridade á data de publicación desta convocatoria de subvencións e en cumprimento do previsto na disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario.
b) As actuacións propostas deben recoller, como mínimo, que un 15 % do importe subvencionado será destinado a investimentos que permitan mellorar a xestión dixital do ciclo urbano da auga e unha mellor información e control sobre os usos da auga, aínda que esta previsión para a mellora da xestión dixital non estivese recollida no plan de actuación para minimizar as perdas de auga.
Estes investimentos que permitan mellorar a xestión dixital do ciclo urbano da auga e unha mellor información e control sobre os usos da auga poden ser, entre outros, do seguinte tipo: execución de actuacións que melloren a eficiencia e a monitorización do sistema, tales como instalación de medidores de caudal, sondas e/ou sensores que fomenten a telexestión e a telelectura; actuacións que melloren o coñecemento do sistema, tales como a elaboración de cartografía nun sistema de información xeográfica, a modelización hidráulica, modelación building information modeling (BIM), etc.; instalación ou mellora de sistemas de comunicación necesarios para unha mellor xestión do ciclo urbano da auga; elaboración, actualización ou mellora de plataformas, portais web ou sistemas de información que fomenten a comunicación dixital cos usuarios e a telexestión e telemando das instalacións.
2. Subvencionaranse tanto os investimentos realizados na execución de obras, instalación de equipos, como os gastos asociados a elas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos; o total dos honorarios poderá ser ata un máximo do 10 % da subvención.
3. En ningún caso se considerará gasto subvencionable, ademais dos gastos recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o imposto sobre o valor engadido (IVE) ou outros impostos indirectos.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 23 de abril de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 23 de maio de 2025.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 826165): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/826165
-Na Dirección de Augas de Galicia.
-DOG Nº: 71 (public. 11/04/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250411/AnuncioO143-010425-0004_gl.pdf