Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas

O prazo de solicitude remata o 15/04/2025

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

Resolución do 25 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria. mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas. Anualidade 2025 (código de procedemento IN418E).

BDNS (Identif.): 807204.

Obxecto 

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas dentro do territorio da comunidade autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos nelas (código de procedemento IN418E).

2. Convócanse para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións para a planificación enerxética. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada da solicitude no rexistro, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as seguintes en función do tipo de actuación:

a) Planificación enerxética de entidades locais: as entidades que integran a Administración local conforme o artigo 3 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, ou as agrupacións das entidades anteriores con base nun acordo marco en que se especifique en que porcentaxe participa cada unha e se estableza unha persoa única a efectos de notificación.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia. Sen prexuízo de que poidan presentar solicitudes de axuda previas á constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nos seguintes artigos.

Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2025.

Financiamento

As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2025. O orzamento por partida orzamentaria redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.760.3, 09.A3.733A.770.4 e 09.A3.733A.781.8.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de actuación será o seguinte:

Distribución por liña de axudaOrzamento (€)
Planificación enerxética de entidades locais400.000,00
Planificación enerxética de comunidades enerxéticas400.000,00
Total800.000,00

Contía da axuda

1. A intensidade de axuda en función do tipo de actuación será a que se determina a seguir:

a) Planificación enerxética de entidades locais: a intensidade de axuda dependerá dos concellos que acheguen subministracións enerxéticas ao contrato centralizado segundo o establecido na seguinte táboa:

Agrupación de entidades locaisIntensidade da axuda
Sen agrupar30 %
De 2 a 5 concellos50 %
6 ou máis concellos70 %

No caso de concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, incrementarase a intensidade de axuda un 20 %. Incrementarase un 10 % adicional a concellos fusionados.

No caso de concellos sen agrupar, só poderán acceder a axuda se os pregos publicados permiten a adhesión ao contrato doutros concellos ou entidades públicas.

No caso de entidades locais que non sexan concellos, a intensidade de axuda calcularase en función dos concellos a que represente.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: a intensidade da axuda será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 15.000 € por concello ou comunidade enerxética. No caso de acordo marco entre varios concellos, a axuda máxima aplicarase individualmente a cada concello da agrupación. No caso de entidades locais que representen varios concellos, aplicarase unha axuda máxima de 15.000 € por cada concello que represente a entidade local e que achegue subministracións enerxéticas da súa titularidade ao contrato centralizado cun máximo de 150.000 € por expediente.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comezará o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas, e rematará o 15 de abril de 2025, ás 23.59 horas. Se o final do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 807204): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-No Inega: www.inega.gal -DOG Nº: 7 (public. 13/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250121/AnuncioG0426-261224-0001_gl.pdf

gl_ESGL