Instituto Galego da Vivenda e Solo
Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI422F).
BDNS (Identif.): 809022.
Obxecto e réxime de concesión das axudas
1. Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 30.000 habitantes para que poidan rehabilitar edificacións e vivendas da súa titularidade e para que as adxudiquen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).
2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas axudas para a anualidade 2025, con carácter plurianual.
3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Concellos beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:
a) Contar con menos de 30.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da correspondente convocatoria.
b) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano desta convocatoria en que o seu prazo de presentación estivese vencido.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que estean nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Crédito orzamentario
1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 450.000 euros para a anualidade 2025 e por importe de 1.400.000 euros para a anualidade 2026.
2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.
3 A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Contía da axuda
1. As axudas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada, ou de 55.000 euros, no caso de vivendas situadas nun ámbito histórico ou no ámbito dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra. No suposto de que a edificación que se vaia rehabilitar estea situada nun ámbito declarado área de rexeneración urbana de interese autonómico (en diante, áreas Rexurbe), as citadas cantidades incrementaranse en 2.000 euros por vivenda.
Para estes efectos, enténdese por ámbito histórico:
1º. Os que conten con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar.
2º. As zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado.
3º. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.
4º. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.
Enténdese por ámbito dos Camiños de Santiago os comprendidos na declaración de área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, realizada o 17 de decembro de 2010 e ampliada o 12 de abril de 2019, mediante o Acordo da Comisión Bilateral de Vivenda e na Resolución do 21 de febreiro de 2020 e, por ámbito da Ribeira Sacra os declarados pola Resolución do 21 de febreiro de 2020.
Así mesmo, enténdese por áreas Rexurbe o ámbito declarado de conformidade co artigo 54 da Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.
2. A subvención poderá ter carácter plurianual e as anualidades distribuiranse en función do prazo de execución comunicado polo concello, sen que en ningún caso o importe da última anualidade poida ser inferior ao 20 % do importe total da subvención concedida.
Actuacións subvencionables
1. Consideraranse subvencionables as seguintes actuacións:
a) A execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou accesibilidade. Entre as condicións de habitabilidade poderase incluír a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación no interior das vivendas.
b) As obras de rehabilitación dirixidas á ampliación de edificacións e vivendas incluídas nun proxecto de rehabilitación, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou accesibilidade.
2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinar o custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén serán subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras incluiranse os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.
Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes ás obras executadas con anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria, con excepción das facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a acumulacións de materiais previos e a pagamentos anticipados.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o 27 de xaneiro de 2025 e rematará o 3 de xuño do 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. As solicitudes presentadas fóra do prazo anterior serán inadmitidas.
2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 809022): http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
-DOG Nº: 11 (public. 17/01/2025): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250117/AnuncioC3Q2-080125-0003_gl.pdf