Subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas (PRTR – Unión Europea-NextGenerationEU)

O prazo de solicitude remata o 14/11/2024

Axencia de Turismo de Galicia

Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B).

Obxecto e réxime

1. O obxecto é a realización de actuacións de eficiencia enerxética que impulsen a economía circular en empresas turísticas.

2. Pódense diferenciar as seguintes tipoloxías de proxectos subvencionables:

A. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, co obxectivo de reducir a demanda enerxética en calefacción e climatización dos edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante a mellora da eficiencia enerxética da súa envolvente térmica no seu conxunto ou nalgún dos elementos que a compoñen.

B. Mellora da eficiencia enerxética e de enerxías renovables nas instalacións térmicas, reguladas polo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE).

B.1. Substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou parte do edificio destinado a establecemento turístico mediante o uso da enerxía solar térmica para a produción de auga quente sanitaria, calefacción, refrixeración ou climatización de piscinas.

B.2. Substitución de enerxía convencional por enerxía xeotérmica, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico mediante o uso da enerxía xeotérmica para un ou varios dos seguintes usos: calefacción, climatización, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas.

B.3. Substitución de enerxía convencional por biomasa nas instalacións térmicas, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante o uso de biomasa como combustible para calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas.

B.4. Mellora da eficiencia enerxética dos sistemas de xeración non incluídos nas anteriores, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía das instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante actuacións no sistema de xeración térmica non incluídas nos apartados B.1 a B.3.

C. Instalacións fotovoltaicas para autoconsumo, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante o uso da enerxía solar fotovoltaica para a produción de electricidade de orixe renovable, incluídas as instalacións de almacenamento de enerxía.

D. Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía das instalacións de iluminación de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico.

E. Renovación de electrodomésticos, co obxectivo de reducir o consumo eléctrico debido aos electrodomésticos e armarios de conservación profesionais utilizados nos inmobles de uso turístico.

F. Sistemas de automatización e control, co obxectivo de reducir o consumo enerxético do edificio completo, local ou parte do edificio destinado a establecemento turístico, mediante a instalación e xestión dun sistema de automatización e control global das instalacións consumidoras e/ou produtoras de enerxía, así como outras actuacións nos equipamentos dos subsistemas de xeración, distribución, regulación e emisión.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre a data de presentación da solicitude de axuda e o 30 de abril de 2025. Non serán subvencionables proxectos xa iniciados na data de presentación da solicitude de axuda.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas que estean dadas de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria e que sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

2. Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas bases.

4. Para os efectos das bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Importe

As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 10.148.812,62 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.3, proxecto 2022 00004, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 e 2025.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 767513): http://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index

-Na web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions

-Na web: https://sede.xunta.gal/portada introducindo no buscador o código de procedemento.

-Nos teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 60.

-No Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

-DOG Nº: 115 (public. 14/06/2024): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240614/AnuncioG0256-050624-0001_gl.pdf

gl_ESGL