Subvencións para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos.

O prazo de solicitude remata o 30/09/2024

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

Orde do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR353C).

Obxecto

Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2024 de subvencións para a contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para facilitar a mozas e mozos menores de 30 anos en situación de desemprego unha primeira experiencia profesional mediante contratos formativos (código de procedemento TR353C).

Persoas empregadoras e empresas beneficiarias

Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.

Persoas destinatarias finais

1. Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación para as dúas modalidades contractuais previstas:

a) Que teñan feitos os 16 anos e non superen os 30 anos no momento da contratación

b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato), preferentemente persoas paradas de longa duración, e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto ley 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

c) Que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización no que van ser contratadas.

2. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de obtención de práctica profesional deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

– Título universitario:

i. Grao universitario.

ii. Máster universitario.

iii. Doutoramento.

– Título de grao medio ou superior.

– Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.

– Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.

b) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres anos, ou dos cinco anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos. Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres meses, sen que se computen para estes efectos os períodos de formación ou prácticas que formen parte docurrículo exixido para a obtención da titulación ou certificado que habilita esta contratación.

3. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de formación en alternancia deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:

a) Carecer da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.

4. Os requisitos recollidos nos puntos 1, 2 e 3 deste artigo serán tamén de aplicación para as persoas traballadoras con contratos preexistentes, de maneira que non serán subvencionables aqueles contratos en que non queden acreditados os ditos requisitos.

Gastos subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de:

– Contratos para a obtención da práctica profesional

– Contratos de formación en alternancia.

Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.

O período durante o que se teñen que producir os contratos formativos para que sexan subvencionables comprende desde o 1 de decembro de 2023 ata o 15 de outubro de 2024.

Contía dos incentivos

A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:

a) Incentivo á contratación por cada persoa moza con contrato formativo de 12 meses a xornada completa:

– Nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.

– Nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.

– Nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.

b) Incentivo á formación: por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 50 horas:

– 1.700 € para formación presencial.

– 850 € para teleformación.

Presentación de solicitudes e prazo

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2024.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 762026): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración).

Descargar axuda en formato PDF.

gl_ESGL